Ir ao contido

A Revista

Galicia Sustentable publica unha peza longa por semana sobre o territorio galego. Non falamos de actualidade, aínda que a actualidade estea presente: as pezas escríbense para que sigan tendo sentido dentro de cinco anos.

Esta revista é unha publicación da Fundación Galicia Sustentable, unha fundación privada sen ánimo de lucro constituída en 2008 con sede en Santiago de Compostela. Traballamos desde unha perspectiva sistémica: a sustentabilidade como marco que subordina a economía ao benestar social dentro dos límites ecolóxicos do territorio.

Partimos da identidade para que o común prospere dentro dos límites inexorables. Esa frase ordena todo o que publicamos, e por iso o arquivo se recorre por catro temas que son unha secuencia e non catro caixas illadas.

Os catro temas

  • Identidade — punto de partida. Lingua, cultura, arraigo, quen marcha e quen volve. O que se herda posto en cuestión, nunca como nostalxia.
  • O común — suxeito. Montes veciñais, confrarías, cooperativas e políticas públicas. Quen decide sobre o territorio e con que regras.
  • Prosperidade — obxectivo. Traballo, empresa e suficiencia económica. Que significa vivir ben nun territorio que non pode medrar sen límite.
  • Límites — marco. Clima, auga, solo, mar e enerxía. O marco físico dentro do que se discute todo o demais.

O postcrecemento non é un tema: é o marco dos catro. Non damos por suposto que o crecemento indefinido sexa posible nin desexable, e desde aí miramos o traballo, a enerxía, a terra e a vida en común.

Tres formatos

Un artigo sostén un argumento propio ou documenta un caso concreto desde o terreo, sexa breve ou longo e conceptual. Unha conversa pon fronte a fronte dúas persoas con nome: unha entrevista, cando alguén da fundación pregunta a quen sabe, ou un des-encontro, cando as dúas voces non coinciden. Un informe reúne datos con método e fontes, revísase periodicamente e pódese descargar para citalo.

Publicamos un informe ao mes; o resto das semanas alternan entre os outros dous formatos. Un informe sen datos non o publicamos: esa é a regra que fai que cada un alimente o Observatorio en vez de quedar nunha promesa.

Como tratamos os datos

As cifras que aparecen nas pezas non están escritas no texto: veñen referenciadas do noso Observatorio, con fonte e ano. Cando un dato se actualiza, actualízase en todas as pezas que o citan. Por iso unha peza de hai tres anos segue dicindo a verdade.

Imaxe e licenzas

Todas as fotografías son propias. Non usamos bancos de imaxes nin imaxes xeradas que pretendan pasar por fotografía, de acordo coa política de IA da fundación.

Os textos publícanse baixo licenza Creative Commons BY-NC-SA: podes reproducilos citando a orixe e sen uso comercial. As fotografías quedan fóra desa licenza, con todos os dereitos reservados.

Escribir na revista

Aceptamos propostas de pezas. Escribe a editorial@galiciasustentable.org cunha idea en dez liñas: que pregunta responde, que material tes e por que seguirá interesando dentro de cinco anos.